Thursday 16 de May de 2024

A mobilidade sostible, eixe vertebrador do novo proxecto sociolaboral impulsado polo Concello da Pobra


Mellora-las competencias prelaborais e profesionais da xente moza de entre 16 e 30 anos de toda a comarca: este é o obxectivo marcado pola Concellaría do Desenvolvemento Local da Pobra do Caramiñal a través da iniciativa “A todo piñón”: escola de segunda oportunidade do Barbanza para o curso académico 2023-2024, para o cal conta co apoio da comunidade educativa e tecido empresarial.

Trátase dun proxecto que parte do Programa Roteiro, unha experiencia piloto previa e que, como describe a concelleira do Desenvolvemento Local, Amparo Cerecedo, “empregará unha metodoloxía de intervención innovadora” para tratar de impulsar unha transformación das persoas participantes no ámbito persoal, familiar, social e laboral que redunde positivamente no acceso ao mercado laboral, ao emprendemento ou a un cambio da súa estratexia vital.

Durante a presentación, a edil estivo acompañada do axente de emprego e desenvolvemento local, Luís Miguel Domínguez; da orientadora laboral, Blanca Álvarez; de Cristina Gago, en representación do departamento laboral de ACTEMSA; da directora do CPR Divino Maestro, Chefa Bretal; do director do IES, Alejandro Bobillo; e de Rosana Vidal e Laura Vidal, no nome da cooperativa Dálle que Dálle.

A primeira parte deste itinerario formativo consiste nunha serie de laboratorios de aprendizaxe que se van impartir no CPR Divino Maestro. Centraranse nos ámbitos prelaboral, das habilidades básicas, da intervención psicolóxica, da vida saudable, no medioambiental e sustentabilidade, e no do emprendemento. De aí partirá a creación de empresas e a inserción laboral, ademais de BICILAR, que permitirá adquiri-los coñecementos e habilidades focalizado na reparación e restauración de bicicletas. E, todo isto, coa orientación e o seguimento personalizado en tódalas accións.

Preténdese así que o proxecto se converta nun punto de referencia da comarca a través da formación complementaria centrada na parte psicolóxica, ademais de fomenta-la mobilidade sostible e a economía circular ao tempo que se contribúe á creación de emprego na localidade.

Unha vez finalizada a elaboración do protocolo, informarase do procedemento para formaliza-las matrículas.